Un ano sen Radio Boiro, 12 meses de menos democracia

Con motivo do primeiro aniversario do peche, por razóns ideolóxicas, de Radio Boiro, publicouse un artigo no Diario de Arousa firmado polos nosos compañeiros Néstor Sieira e Xurxo Triñanes. Queremolo tamén compartir aquí con vós:

Un ano sen Radio Boiro, 12 meses de menos democracia

   O pasado xoves 21 de xullo, cúmprese un ano do peche unilateral de Radio Boiro. Un peche que na práctica resultou ser unha privatización encuberta como puidemos comprobar posteriormente. A radio pública municipal era un medio de expresión co que a veciñanza do noso concello, e de concellos limítrofes, podía espallar polas ondas as súas afeccións, ideas, inquedanzas... Así mesmo gracias a súa colaboración cos centros educativos, tamén servía para que os nenos puidesen aprender que é e como funciona un medio de comunicación tan emblemático como é a radio. Por non falar do seu compromiso co deporte local de base, que sempre tiña espazo neste medio. Tamén foi unha ferramenta valiosa para vertebrar o mundo cultural, deportivo, político, informativo, e social nonsó do concello, senón de grande parte do Barbanza.

   As consecuencias un ano despois desta privatización son evidentes. A información local de proximidade ten que mendigar espazos, moitas veces sen éxito, desprazadas por noticias de ámbitos mais xerais, nas seccións comarcais dos xornais. A crónica social e política de Boiro redúcese ás notas de prensa que mandan as agrupacións e que na súa maior parte, por evidentes motivos de espazo, non chegan íntegras á xente. E en iso destacaban os profesionais que dirixían Radio Boiro: na súa procura de sacar a maior información de cada nova. Nunca se quedaban no mero comunicado, non se “casaban” con ninguén e sempre tentaban analizar, cunha inmensa profesionalidade, todas as perspectivas de cada un dos temas.

   Pero o alcalde de Boiro decidiu desfacerse da radio pública por motivos ideolóxicos, tal e como el mesmo o recoñeceu no pleno extraordinario onde se tratou o tema. Facendo gala dun fundamentalismo impropio ata de Margaret Thatcher, Angela Merkel ou Ronald Reagan, Juan José Dieste pechou o único medio de comunicación público co que contaba o pobo de Boiro. Dun día para outro, sen consultalo con ninguén e só un mes despois das eleccións municipais (a decisión de pechar Radio Boiro non foi mencionada nin unha soa vez durante a campaña electoral do ano pasado). Ao contrario de Juan José Dieste, e do Partido Popular, na Asemblea Cidadá Boiro Novo si cremos no público. Pensamos que calquera persoa cun sentido maduro da democracia entende que os medios de comunicación públicos, de todas e de todos, son vitais para ter unha sociedade desenrolada. Máis alá de que os medios privados poidan servir de altofalante ocasional á cidadanía, a existencia de espazos non dependentes de intereses privados e económicos é fundamental. Radio Boiro era unha emisora extradinariamente accesible. Cunha simple chamada calquera veciña ou veciño, asociación ou club deportivo tiña uns minutos en antena para contar, de viva voz, a súa pequena “historia”.
 
   Sen unha información veraz e exhaustiva, incluso nos pequenos núcleos de poboación, a democracia non pode ser completa; sen plataformas de difusión ás que a veciñanza poida acceder en condicións de igualdade e liberdade, tampouco. Radio Boiro garantía estes principios e é por iso polo que instamos ao goberno do PP de Boiro a que inicie os procedementos oportunos para que esta poida volver a emitir. Sabemos que o problema non é económico e estamos convencidos de que calquera tipo de traba administrativa podemos resolvela se existe vontade política. Non é admisible que a ideoloxía duns poucos limite o dereito da maioría a emitir as súas opinións.
NON AO PECHE DE RADIO BOIRO!"

Comparte esta publicación

Related Posts

Seguinte
Next Post »